Lenda das catro sotas
O ritual
Un dos rituais típicos dos peregrinos que chegan a Compostela é asomarse á balaustrada da Praza do Obradoiro para ver dende arriba a igrexa de San Frutuoso, onde naceu a baralla española.
A lenda
Contan que en 1754 o arquitecto Lucas Ferro Caaveiro estaba deseñando a decoración da cúpula dese templo coas figuras das catro virtudes cardinais: _ **fortaleza, prudencia, xustiza e temperanza. ** _
Un día o arquitecto recibiu a visita dun frade amigo seu. Chegaba indignado polo vicio dun xogo con debuxos xeométricos que se estaba estendendo coma unha praga pola cidade.
—Isto é un escándalo! Por todas partes hai xente xogando con estampas profanas coma éstas: chámanse naipes e é obvio que son obra do infiel.
—Déixame eses cartóns —dixo Lucas— que farei outros pero con figuras humanas, o cal non está permitido pola relixión de Mahoma. Así, os infieis non poderán xogar con eles e ademais levarán os símbolos das virtudes cristiás para propagar a nosa fe.
Os símbolos
En moitas obras de arte, as virtudes cardinais estaban representadas tradicionalmente con elementos simbólicos:
FORTALEZA
Consiste en vencer o temor e fuxir da temeridade.Simboloxía: o mazo
PRUDENCIA
Consiste en actuar de forma respectuosa e con empatía.Simboloxía: o espello
XUSTIZA
Consiste en manterse imparcial fronte aos demais.Simboloxía: a espada
TEMPERANZA
Consiste en moderarse na atracción dos praceres.Simboloxía: a copa
O redeseño
Conta a lenda que Lucas Ferro volteou un dos bosquexos da cúpula na que estaba traballando e no seu reverso improvisou toda a colección de estampas coas imaxes que tiña na cabeza.
O novo deseño foi un éxito inmediato porque era moito máis intuitivo cós da baralla moura e ademais os seus debuxos representaban modelos de conduta virtuosa para obrar seguindo a fe cristiá.
Pero os xogadores non tardaron en esquecer o significado relixioso e apareceron outras explicacións.
A interpretación do taberneiro
Por exemplo, os taberneiros relataron o simbolismo dos paus da baralla amosando os catro artigos máis comúns que tiñan a man:—Estes debuxos representan a miña taberna:
As copas son os recipientes onde servimos o bo viño
As espadas son as armas dos cabaleiros que beben o bo viño
Os ouros son as moedas coas que se paga o bo viño
_E os bastos son... _
as estacas por se algún cabaleiro non paga o bo viño
A transformación europea
A baralla española foi coñecida no mundo enteiro grazas aos peregrinos na súa viaxe de regreso a casa.
Cando os artesáns de distintos países reproduciron os deseños estilizando cada un dos paus, a colección transformouse no que hoxe é a baralla francesa.
O esquecemento
Co tempo esqueceuse o simbolismo das catro virtudes cardinais tanto nos naipes como na cúpula de San Frutuoso, que aínda hoxe é coñecida popularmente como a **igrexa das catro sotas. **Moitas familias compostelás manteñen viva na memoria esta lenda grazas á tradición oral que foi transmitíndose durante xeracións.
Se non queres que se perda no esquecemento, compártea cos visitantes cada vez que te achegues á balaustrada da Praza do Obradoiro.